Esgonzo común
Esgonzo común | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Chalcides striatus Cuvier, 1829 | |||||||||||||||||
Mapa de distribución de Chalcides striatus.
|
O esgonzo común[1] ou escáncer de patas común[2] (Chalcides striatus), é unha especie de lagarto da familia dos escíncidos.[3] É o esgonzo máis abundante e estendido en Galicia. Ten tres dedos nas patas, polo que se diferencia do outro esgonzo presente en Galicia (Chalcides bedriagai), que ten cinco dedos e patas menores. Antes considerábase dentro da especie Chalcides chalcides como unha subespecie (Chalcides chalcides striatus) pero agora é unha especie de seu.
Descrición
[editar | editar a fonte]É un lagarto de pequeno tamaño, cunha cabeza pequena, triangular, alongada e con fociño arredondado. Orificio auditivo ben visible. O corpo é curto e groso de sección arredondada ou cuadrangular, recuberto de escamas lisas e brillantes. As extremidades son pequenas, o rabo é de sección circular e de menor lonxitude ca o corpo. A especie ten dimorfismo sexual, xa que as femias son de maior tamaño. A coloración pode ser de pardo-amarelada a olivácea con liñas de cor castaña e o ventre de cor branquecha ou con tons amarelos. Os exemplares galegos teñen un fondo pardo ou ocre con de 9 a 11 liñas castañas delimitadas por marcas negras, e o ventre é claro, de ton griseiro ou branco.[4]
Pode confundirse con cobras ou con escánceres comúns Anguis fragilis, debido ao seu corpo longo e diminutas patas, que case non se ven, pero é un lagarto con pálpebras e patas (as cobras non teñen). Ás veces a xente mátao pensando que é unha cobra velenosa. Distínguese do outro esgonzo presente en Galicia (Chalcides bedriagai) porque ten tres dedos en vez de cinco, e diferénciase do esgonzo italiano de tres dedos (Chalcides chalcides) porque ten as patas un pouco máis grandes e os tres dedos das súas patas traseiras son todos da mesma lonxitude.
Distribución
[editar | editar a fonte]A súa área de distribución é practicamente toda a Península Ibérica. Tamén vive en Francia na costa mediterránea, penetrando cara ao norte polo val do Ródano e cara ao leste chega ata Liguria (Italia). En Galicia é común e abondoso e ocupa todo o territorio; tamén en moitas das illas atlánticas, sobre todo en zonas abrigadas e solleiras. En España soamente parece faltar nalgunhas provincias da costa mediterránea (Murcia, Alacant, Valencia e Castelló), e en gran parte de Almería, Teruel e Cuenca, seguramente debido ao aumento progresivo da aridez nas últimas décadas. É moi escaso en territorios con precipitacións inferiores a 500 mm. A súa distribución é descontinua, de tal forma que a desaparición ou modificación dalgúns dos hábitat ocupados ocasiona a extinción ou o illamento de poboacións en bosques-illa.
Hábitat
[editar | editar a fonte]É unha especie moi especializada que ocupa ladeiras solleiras, con lixeira pendente, abundante vexetación herbácea e en ocasións elevada humidade. En España supera os 1.800 m na Serra de Guadarrama e na Cordilleira Bética. En Galicia, observouse que ocupa montes que foron afectados por incendios, xa que se beneficia da vexetación herbácea e de mato que se forma.
Comportamento
[editar | editar a fonte]Se utiliza as súas diminutas patas só pode moverse lentamente, pero pode avanzar moi rapidamente ondulando o seu corpo de xeito parecido ao das cobras. Hiberna baixo terra en inverno e emerxe despois en primavera. É moi discreto e cando o molestan agóchase rapidamente na densa vexetación, ou baixo pedras ou en buratos na terra. Toma o sol para subir a súa temperatura nas primeiras horas da mañá, pero despois cando o substrato sobre o que vive está quente agóchase entre a vexetación e quéntase coa calor que desprende o substrato. Aliméntase dunha gran variedade de invertebrados. Deprédano en Galicia as cobras (como Coronella girondica) e aves de rapina.[5]
Os machos reúnense durante a tempada de apareamento e poden loitar entre eles. Despois dun período de xestación de dous ou tres meses, a femia pare unhas 15 crías vivas (en Galicia de 1 a 8 e en agosto), xa que é ovovivípara, cada unha duns 10 cm ao nacer. A femia ás veces morre durante este proceso. Chegan á madurez sexual aos 3 ou 4 anos.[5]
Ameazas
[editar | editar a fonte]Debido á especificidade dos biótopos que ocupa, e a súa distribución descontinua a modificación ou desaparición do hábitat minguan ou illan as poboacións deste lagarto. Isto parece estar ocorrendo nas dúas mesetas españolas. Como é común en gran parte da súa área de distribución a IUCN deulle o status de "pouco preocupante".[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pedro Galán regalado, Gustavo Fernández Arias. Anfibios e réptiles de Galicia. Xerais. 1993. páxina 351. ISBN 84-7507-722-6.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" Arquivado 27 de agosto de 2016 en Wayback Machine. en Cadernos de Lingua, 13, páx. 81. Real Academia Galega.
- ↑ Chalcides striatus, no Atlas de la biodiversidad do Ministerio de Medio Ambiente (MMA). Ficheiro en pdf.
- ↑ Pedro Galán Regalado, Gustavo Fernández Arias. Anfibios e réptiles de Galicia. Colección Montes e Fontes. Edicións Xerais de Galicia S.A. 1993. Páxinas 351-355. ISBN 84-7507-722-6.
- ↑ 5,0 5,1 Arnold, E. Nicholas; Ovenden, Denys W. (2002). Field Guide: Reptiles & Amphibians of Britain & Europe. Collins & Co. pp. 188–189. ISBN 978-0-00-219964-3.
- ↑ Status de conservación: IUCN link: Chalcides striatus. (LC)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Esgonzo común |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Esgonzo común |